Español

1.- COMO PLANTAR CON ÉXITO O CASTIÑEIRO HÍBRIDO?

O Castiñeiro híbrido resistente á tinta (Castanea x hybrida) ten un rápido crecemento en Galicia.

A utilización de clons selectos a raíz núa, producidos por acodo baixo en viveiro, permite facer repoboacións altamente produtivas para madeira, froito ou ben como porta enxertos ou patróns de variedades de castaña autóctona.

O obxectivo dunha repoboación produtora de castiñeiro híbrido é a de obter unha alta rendibilidade no menor tempo posible. Isto conséguese con plantas fortes, que arraiguen no monte con facilidade e que consigan enseguida un gran desenvolvemento grazas a unha rápida independencia da competencia da maleza. Tamén, ademais de elixir ben o sitio en que se planta esta especie, para conseguir o éxito, hai que aplicar as técnicas adecuadas.

Deste xeito, podemos dicir que o éxito dunha repoboación de castiñeiro híbrido baséase en catro puntos básicos:

  • O emprego de plantóns de calidade a raíz núa e repicada producidos vexetativamente por acodo baixo.
  • Unha boa preparación do terreo e fertilización adecuada.
  • O control efectivo da competencia da maleza desde os primeiros momentos.
  • Os labores de mantemento posteriores, como tallas ou recepes.

A mellor secuencia para os traballos de reforestación con castiñeiro hibrido son:

1. O tratamento da vexetación preexistente ou dos restos de corta, mediante a eliminación total da parte aérea da maleza por trituración.

2. A preparación profunda do terreo mediante buratos ou mediante o subsolado da liña de plantación, sempre que sexa posible, cunha separación dabondo que permita a roza posterior (polo menos 3,5 m.). O subsolado en determinados terreos pode ir acompañado de labra total a feito.

3. O control inicial da competencia da herba no punto de plantación.

4. A implantación vexetal de plantóns de clon híbrido de calidade a raíz núa ás densidades adecuadas ao destino da plantación.

Unha plantación madeireira lógrase cando o número de éxitos ou plantas logradas excede o 90 %. Así, nunha plantación de castiñeiro híbrido a densidade de 625 pés/ha (marco real de 4 m.), o número mínimo de plantas logradas deberá ser de 562, que deberán estar repartidas por toda a superficie da leira. No caso de plantacións de froito, buscarase o éxito total por ter un marco máis amplo (10 ó 12 m.).

Plantación de castiñeiro híbrido

En termos xerais, o éxito dunha plantación con castiñeiro dependerá dos seguintes factores:

  • Que se empreguen clons de calidade de castiñeiro híbrido resistente.
  • Que o sitio de plantación sexa adecuado para o castiñeiro híbrido.
  • Que a técnica de repoboación empregada sexa a idónea, en métodos e épocas.
  • Que se utilice planta de calidade morfolóxica e fisiolóxica e que se manexe adecuadamente.
  • Que se faga un control eficaz da maleza e sobre todo da herba.
  • Que se fagan os coidados silvícolas adecuados.

2.- O CASTIÑEIRO HÍBRIDO RESISTENTE (Castanea x hybrida)

¿Ónde plantar castiñeiro híbrido?

A utilización de castiñeiro híbrido resistente permite plantar en zonas baixas máis sensibles á enfermidade da tinta (Phytophthora sp.). En Galicia, a orde que regula a comercialización de material forestal de reprodución denomina "Terras Baixas de Galicia" ás zonas máis sensibles a esta enfermidade, normalmente por baixo dos 600 ou 700 m. de altitude.

A elección do castiñeiro híbrido para unha repoboación (en vez do castiñeiro do país) depende de dous factores:

  • A altitude á que se realiza a plantación, que determina o risco de infección polo patóxeno responsable da enfermidade da tinta -Phytophthora sp.-.
  • A orientación produtiva ou aptitude da plantación: produción de froito ou madeira.

Na táboa seguinte establécense uns criterios orientativos para optar polo castiñeiro híbrido:

Táboa de material a empregar segundo altitude e tipo de produción

ALTITUDES
TIPO PRODUCCIÓN < 400 400-600 > 600
Madeira Castiñeiro híbrido-madeira Castiñeiro híbrido-madeira Castiñeiro do país
Froito Castiñeiro híbrido-enxertado ou con aptitude para froito Castiñeiro híbrido-enxertado Castiñeiro do país-enxertado
Mixto Castiñeiro híbrido enxertado a 2,5-4 m. con variedade tradicional e aptitude mixta Castiñeiro do país enxertado a 2,5-4 m. con variedade tradicional e aptitude mixta

É posible empregar o castiñeiro do país tanto en plantacións de madeira como de froito (variedades tradicionais enxertadas sobre patrón de castiñeiro do país) en zonas de montaña con cotas superiores aos 600-700 m., onde a incidencia da tinta é reducida, fóra de exposicións sur, onde esta pode chegar ata os 800-900 m.

En cotas inferiores, os problemas coa tinta obrigan a empregar clons híbridos resistentes, que requiren por outra banda condicións climáticas máis suaves. En plantacións para madeira haberá de empregarse un clon híbrido con aptitude para este tipo de produción. Nas plantacións de froito poden utilizarse clons híbridos como patrón e púas de variedades tradicionais ou ben híbridos con aptitude para a produción de castaña.

Como se produce o castiñeiro híbrido?

A produción de castiñeiro híbrido resistente á tinta realízase mediante propagación vexetativa a partir de árbores nai resistentes á enfermidade e dos que se obteñen plantas xenéticamente idénticas a estes, chamadas clons.

Un híbrido é un individuo resultante da hibridación ou cruzamento entre especies.

Chámase clon a un grupo de organismos (plantas neste caso) de idéntica constitución xenética que proceden dun único individuo por multiplicación asexual, sen intervención de sementes.

As plantas clonais de castiñeiro híbrido proceden de reprodución asexual ou vexetativa, mediante acodo, estaquillado ou enxerto. Así, garántese que os plantóns obtidos teñan as mesmas características xenéticas que o seu proxenitor, en canto a resistencia á enfermidade da tinta, crecemento, calidade, forma, etc.

Viveiros Refoxos emprega o sistema de propagación por acodo baixo, mediante recepado das plantas nai.

Viveiros Refoxos posúe un gran plantel de "nais" de híbridos resistentes con diversas aptitudes sobre os que mediante recepe ou corte a nivel do chan obtéñense os plantóns ou rebrotes.

Tras o recepe, a cepa emite brotelos longos e vigorosos, que son anelados e tratados con hormonas na súa base, aporcando terra finalmente para tapar a zona tratada. Estes gromos emiten raíces e son separados da planta nai para continuar o seu crecemento como plantas independentes.

Vivero de castiñeiro

Para mellorar o sistema radical das plantas así producidas, Viveiros Refoxos transplanta a viveiro e reforza, durante un ano ou dous máis, os barbados para conseguir plantóns con maior talla e ramificación de raíz.

Así, as plantas dispostas para a venda oscilan entre tallas de 0,5 m. a máis de 1,5 m., segundo o número de sabias en viveiro. O groso mínimo do pescozo da raíz é de 2 a 3 cm.

3.- ONDE PLANTAR CON ÉXITO CASTAÑO?

Para que unha plantación de castiñeiro sexa viable e produtiva é necesario ter en conta factores de tipo climático e de chan, sobre todo a profundidade, tipo e natureza da roca nai.

A vexetación natural da parcela a repoboar tamén é un bo indicador da idoneidade da estación forestal para plantar castiñeiros, xa que representa o grao de evolución do chan e polo tanto, se as condicións son ou non as adecuadas.

Aínda que os requirimentos estacionais de cada clon de castiñeiro poden ser lixeiramente diferentes, a continuación indicamos de forma xeral as características ecolóxicas comúns a todos os castiñeiros.

3.1.- Requirimentos ecolóxicos do castiñeiro

O castiñeiro require clima atemperado-húmido con matices mediterráneos e chans profundos derivados de rochas acedas.

O castiñeiro non soporta condicións climáticas extremas, tanto no que se refire á temperatura como á falta de precipitacións. Resiste baixas temperaturas, pero é sensible ás xeadas extemporáneas, sobre todo o castiñeiro híbrido resistente debido á súa brotación precoz. Require calor no verán para facilitar a produción de froito. O exceso de humidade favorece a aparición de enfermidades (tinta e fungo de podredume da raíz).

Na seguinte táboa, relaciónanse as condicións xerais mínimas da estación forestal que se requiren para establecer unha plantación san e produtiva de castiñeiro.

TEMPERATURA MEDIA ANUAL (ºC) 6-16
TIPO DE CLIMA Atemperado-húmido, subatlántico, atlántico e supramediterráneo
PRECIPÌTACIÓN MÍNIMA ANUAL (mm) 700
PRECIPITACIÓN ESTIVAL (mm) 100-150
CHAN Especie silicícola que se desenvolve ben sobre todo en chans granitos, pizarras e xistos. En areniscas e cuarcitas presenta peores medras.
Vive preferentemente en chans acedos ou neutros, ricos en nutrientes, con pH maior a 4,5.
As mellores producións obtéñense en chans evolucionados, fondos ou moi fondos (máis de 0,6 m.) e non pesados ou encharcados aínda que sexa estacionalmente.

3.2.- Limitacións para plantar castiñeiro híbrido

O castiñeiro híbrido dáse nunha gran variedade de estacións forestais e terreos agrarios e en case todos supera en crecemento e produción ao resto de frondosas. Con todo, a pesar da súa adaptabilidade, é conveniente non repoboar con esta especie en terreos que presenten as seguintes limitacións:

Exceso de humidade no chan

O exceso de auga no chan despraza o aire e inhibe o desenvolvemento do sistema radical das plantas.

O castiñeiro híbrido particularmente non atura os chans moi húmidos e a presenza temporal de niveis freáticos altos pode serlle prexudicial. Doutra banda, en chans encharcadizos e brandos as plantas novas tenden a deitarse e prodúcense curvaturas irreversibles que deprecian a madeira.

Pouca profundidade do chan

Os chans con menos de 60 cm. de fondo ou con presenza dun horizonte subsuperficial compacto dificultan o bo desenvolvemento do castiñeiro híbrido. Os mellores chans para plantar castiñeiro deberán ter polo menos un metro de profundidade e sempre que sexa posible deberase subsolar o terreo para axudar a que as raíces afonden. Cando non sexa posible a mecanización faranse buratos profundos e ben perfilados.

Deficiencias de nutrientes

As esixencias nutricionais do castiñeiro híbrido son maiores que noutras frondosas. Aínda que pode vivir de sobras en chans pouco fértiles, se queremos unha plantación produtiva e sa, deberemos buscar chans máis ricos e realizar os abonados e emendas pertinentes.

O crecemento pode ser baixo en chans con pouco fósforo asimilable e con escaseza de potasio. Este problema corríxese con abonados complexos ricos en P e K e con emendas cálcicas.

Exceso de nitratos

A fertilización excesiva limita o desenvolvemento das raíces, diminúe a absorción doutros minerais e tamén o crecemento das plantas.

Os niveis altos de nitratos (como ocorre en prados) dan crecementos moi vigorosos pero poden ocasionar derribas e problemas de malformacións. As terras agrarias (ideais para a produción froiteira de castaña) requiren da aplicación de técnicas silvícolas adecuadas.

A falta de micorriza

A maioría dos chans forestais contan con presenza de fungos chamados micorrizas, que facilitan os procesos de absorción de nutrientes (sobre todo o fósforo) cando se instalan nas raíces. A repoboación con castiñeiro híbrido en montes anteriormente arborizados é unha garantía de éxito. Pola contra, a plantación de castiñeiro en terras agrarias, aínda que se pense o contrario, teñen maiores posibilidades de fracaso por estar menos micorrizadas.

Viveiros Refoxos ofrece planta de clons de castiñeiro híbrido micorrizada que favorece o éxito da repoboación e permite un aproveitamento micolóxico complementario.

Influencia do vento

En zonas moi expostas, aínda que teñan profundidade de chan, pódense producir desarraigamentos, tumbamentos e roturas de troncos e ramas.

Por iso, é conveniente elixir exposicións abrigadas, empregar plantas de calidade con sistema ben formado e subsolar sempre que sexa posible.

3.3.- Vexetación indicadora da idoneidade do chan

En xeral, os mellores terreos para plantar castiñeiro son os máis evolucionados, profundos e fértiles, que se corresponden coa vexetación indicadora de bosque aclarado, silva e fento (por esta orde). As xesteiras e toxeiras, sobre todo se son de gran talla, tamén son bos indicadores para plantar castiñeiro.

Pola contra, considéranse malos terreos, por menos evolucionados ou degradados, as uceiras, carpaceiras e toxeiras de pouca talla, que indican chans pobres e pouco fondos.

Táboa de especies indicadoras e nivel de regresión do chan (de menor a maior)

FORMACIÓN ESPECIE INDICADORA VALOR INDICADOR
Uceira Erica Australis, E. umbellata e Calluna vulgaris Chan moi acedo, solto e degradado. Peor indicador se aparece mesturado con carqueixa (Pterospartum tridentatum).
Erica arbórea Chan acedo, menos degradado. A altura do mato indica a profundidade do chan.
Carpaza Cistus sp. Chan silíceo, seco, pobre e degradado
Toxeira Ulex sp. Chan acedo.
Xesteira Cytisus striatus, C. scoparius e adenocarpus complicatus Chan acedo, fondo e de boa estrutura
Cytisus multiflorus Chan acedo. Peor indicador se ten pouca talla e está mesturado con uz.
Fento Pteridium aquilinum Chan fresco e fondo. Apto para castiñeiro.
Silva Rubus sp. Chan fresco e fondo. Apto para castiñeiro.
Bosque aclarado Pés de frondosas, especies acompañantes (Crataegus monogyna, Pyrus cordata, Rosa sp., Laurus nóbilis, etc.) Chan moi bo e evolucionado. Apto para castiñeiro.

As plantacións de castiñeiro para froito adóitanse realizar en terreos agrícolas, que adoitan reunir condicións idóneas para este fin, como son:

  • Terreo de boa calidade.
  • Pouca pendente.
  • Boa profundidade de chan.
  • Adecuada fertilidade.
  • Fácil acceso e, en consecuencia, maior facilidade para realizar os coidados e aproveitamentos, podendo mecanizarse algunhas actuacións.

4.- TÉCNICAS DE PLANTACIÓN CON CASTIÑEIRO HÍBRIDO

4.1.- A densidade de plantación

A densidade de plantación é o número de plantas por hectárea de unha repoboación. Depende da calidade do terreo, da calidade da planta empregada e do destino da repoboación (froito, madeira ou mixto).

Densidades e marcos habituais de plantación

OBXETIVO DA PLANTACIÓN DENSIDADE
(pés/ha)
MARCO CONDICIÓNS
FROITO 70 a 100 10x10
12x12
Formar e desenvolver unha copa globosa e soleada para obter gran cantidade de castaña de calidade.
MADEIRA 816 a 1429 3,5x3,5
3,5x2
Lograr espesura de masa o antes posible para evitar a competencia do mato.
Conseguir fustes altos e rectos con pouca carga de polas e reducir os gastos de poda.
Plantación de castiñeiro para madeira

Densidades alternativas para a produción de madeira

A plantación para madeira leva altas densidades que poden encarecer a plantación. Se o terreo e a planta son de calidade e o silvicultor pode aplicar coidados silvícolas posteriores, pódense escoller densidades alternativas.

Viveiros Refoxos ofrece planta de excelente calidade xenética e morfolóxica. Tendo en conta isto, se o terreo é adecuado e se emprega planta de calidade, as densidades de plantación poden ser menores e abaratar os custos en silvicultura.

Recoméndanse a continuación dúas posibles alternativas de plantación.

DENSIDADE ALTERNATIVA DENSIDADE
(pés/ha)
MARCO CONDICIÓNS
Plantación a baixa densidade 500 a 625 4x4 a 5x5 Terreos de moi boa calidade, con clons de castiñeiro híbrido de boa aptitude para madeira.
Coidados silvícolas posteriores (tallas).
Plantación mixta con coníferas 714 castiñeiros
714 piñeiros
3,5 x 2 mesturados pe a pe ou por filas alternas Emprego de Pinus pinaster (< 800 m.) e Pinus sylvestris (> 800 m.).
As coníferas de crecemento máis rápido guían e favorecen o crecemento do castiñeiro.
Abarátase o custo da repoboación, debido ao menor prezo da planta de piñeiro.
A quenda de corta máis reducida da conífera permite obter ingresos a menor prazo.

Táboa de densidades e marcos

ANCHO DE RÚA
3,5 4 5 10 12
SEPARACIÓN NA FILA 2 1.429
2,5 1.143
3 952
3,5 816
4 625
5 400
10 100
12 69
Plantación mixta con coníferas
Plantación madeireira alta densidade
Plantación madeireira baixa densidade. RECOMENDABLE
Plantación de froito

4.2.- A roza: eliminación da competencia

Os obxectivos do tratamento da vexetación antes da plantación son:

  • Librar o terreo de obstáculos (maleza e restos de corta) para permitir o traballo eficaz da maquinaria e facilitar a plantación.
  • Eliminar as partes aéreas da vexetación accesoria para facilitar o tratamento posterior, despois do rebrote.
  • Eliminar a competencia aérea pola luz e a subterránea pola auga e os nutrientes.
  • Diminuír o risco de incendios grazas á eliminación da continuidade vertical e horizontal.

Nunha repoboación forestal con castiñeiro híbrido os plantóns recentemente instalados sofren unha forte crise de humidade que se agrava despois do primeiro crecemento primaveral. Esta tensión aumenta cando a planta ten que competir pola auga e nutrientes coas malas herbas que teñen vantaxe ao ter os seus sistemas radicais perfectamente establecidos.

Por isto, non basta con rozar, pois só se elimina a competencia da maleza pola luz. O control efectivo da competencia pola humidade e os nutrientes faise eliminando desde o primeiro momento as raíces da herba con herbicidas adecuados.

Así, o tratamento da vexetación competidora consta de dúas fases: a eliminación total da súa parte aérea (manual ou mecanicamente) e a eliminación e control das raíces con herbicidas.

Sistemas de roza

Os sistemas habituais de roza mecánica son por trituración e por labra, cando a pendente do terreo o permite. Cando a parcela a repoboar non é mecanizable, a operación realízase manualmente ou con axuda de máquinas portátiles.

SISTEMA CONDICIÓNS EQUIPOS E APEIROS INDICACIÓNS
Mecánico por trituración Pendente < 45 %
Pedregosidade baixa
Desbrozadoras de cadeas (eixo vertical) ou martelos (eixo horizontal) arrastradas por tractor de máis de 125 CV Os talos deben quedar máis curtos de 10 cm.
Realízase a finais de primavera ou inicio da época seca coa antelación suficiente para que os restos se descompoñan antes de subsolar.
Mecánico por labra a feito ou por bandas Pendente < 20 %
Pedregosidade nula
Arado de vertedeira ou discos, grada de discos e/o xirocultor arrastrados por tractor de máis de 125 CV. Sistema de preparación simultánea do terreo.
Efectivo en terras agrarias abandonadas con maleza leñosa.
Non efectivo para eliminación da herba.
Manual Pendente > 45 % Ferramentas e máquinas portátiles (motodesbrozadora) Por puntos o faixas.
Viveiros Refoxos

Inconvenientes da labra en praderías

A labra por se só non é un método efectivo de control da maleza. Nalgúns casos, haberá que realizar todas as operacións de tratamento: roza mecanizada por trituración, cultivo e tratamento posterior con herbicida.

Se os terreos a repoboar teñen como vexetación exclusiva a herba, a labra resultará totalmente contraproducente e deberase sustituir sempre por un tratamento con herbicida, puntual ou lineal. A labra superficial favorece á herba en contra da planta de castiñeiro.

A labra por bandas: unha alternativa

A experiencia demostra que en montes de matogueira de toxo mecanizables e pouco pedregosos, despois da roza mecanizada por trituración e antes do subsolado lineal, o feito de facer un “fresado” por bandas atrasa o rebrote da maleza na contorna das plantas. O fin deste traballo non é a labra total do terreo e que o monte quede como un xardín, senón a eliminación do tepe superficial que forma o toxo. O traballo debe facerse cunha fresa estreita mediante pases moi rápidos e “entrando” entre 5 e 10 cm. no terreo. Este tratamento misto da parte aérea e subsuperficial da matogueira pódese completar coa eliminación química das raíces. Pero neste caso, logo de plantar. A secuencia de traballos sería polo tanto a seguinte: roza mecánica, subsolado, fresado moi lixeiro por bandas, subsolado, plantación e control químico protexendo a planta.

A maior vantaxe é que nos futuros labores de mantemento, bastará con facer unha roza mecanizada das rúas, non sendo preciso a roza das liñas.

Viveiros Refoxos

4.3.- O tratamento con herbicidas

O tratamento químico é o sistema de control máis eficaz da competencia da herba no primeiro momento da plantación. Xunto co emprego de boa planta de castiñeiro híbrido e unha boa preparación do chan, é a mellor garantía para o éxito dunha repoboación.

Os herbicidas son caros e deben usarse con xeito, respectando o medio ambiente e seguindo sempre estas recomendacións técnicas:

  • Os herbicidas son máis eficaces cando se usan contra unha herba pequena, nova, verde e que estea crecendo rapidamente.
  • Os fitocidas perden efectividade cando se usan contra plantas inactivas (en época de seca ou no inverno) e tamén contra plantas envellecidas.
  • Os herbicidas débense aplicar antes de que se estableza a competencia da herba coa planta.
  • Débense seguir sempre as recomendacións do fabricante e as medidas de seguridade.

Por que convén botar herbicida antes de plantar?

O control químico da herba pódese facer antes de plantar, estea preparado ou non o terreo, e tamén unha vez feita a plantación na seguinte época de actividade da herba.

Normalmente, os herbicidas efectivos son os sistémicos e de contacto que matan todo o que estea verde, tanto á herba que queremos eliminar como as plantas de castiñeiro. Por iso, se é posible, recoméndase o tratamento químico antes de plantar, xa que presenta as seguintes vantaxes:

  • O traballo de aplicación de fitocida é máis fácil e barato porque non hai que preocuparse polas plantas alí colocadas.
  • Por moi pronto que se aplique o herbicida logo de plantar, o efecto negativo da competencia xa se iniciou.

Herbicida recomendado

Aínda que non todos os tipos de maleza responden de igual xeito ao tratamento, a herba, o toxo e o fento son controlados eficazmente polo Glifosato ao 36 % de concentración. Tamén, este herbicida da bos resultados cando se trata de eliminar silvas ou ata brotes de eucalipto esporádicos.

O Glifosato é un herbicida sistémico que actúa por translocación e sen efectos residuais. É dicir, que despois de que o produto toca unha parte verde da planta (por exemplo as follas), é transportado á raíz das malas herbas causando a súa morte total e impedindo o seu rebrote.

Dose e modo de aplicación

O xeito máis eficaz de aplicar o herbicida é cun pulverizador de mochila no que se mesturan de 150 a 200 cc. de Glifosato ao 36 % en 15 ou 17 litros de auga (segundo a capacidade do pulverizador). Isto equivale a unha concentración en auga do 1 ao 2 % de produto.

A experiencia indica que na maioría dos terreos o contido dunha mochila pode dar para o tratamento de 150 ou 170 puntos, asperxendo superficies de 1 m de diámetro.

Así, para unha plantación a densidade normal de 625 pés/ha., a área pulverizada sería o 6 % do total e precisaríanse unhas 4 mochilas e algo menos dun litro de herbicida por hectárea.

Época de aplicación dos herbicidas

Os mellores momentos para controlar a herba con herbicida en Galicia son:

  • Xusto antes de que comece o crecemento primaveral da maleza, que acostuma ser entre abril e maio, segundo a latitude.
  • En outubro, antes do período inactivo do outono e logo das primeiras choivas que seguen ao período seco do verán e que estimulan o novo rebrote.

Protección das plantas

Si se aplica un herbicida total e sistémico logo de plantar, débense protexer as plantas dos seus efectos. Ademais procurarase facer a operación en días acougados, sen vento.

Podemos protexer as plantas dos fitocidas líquidos empregando un pulverizador con protector de árbores incorporado.

4.4.- A preparación do chan

Os obxectivos da preparación do terreo nunha repoboación de castiñeiro híbrido son:

  • Facilitar a penetración das raíces das plantas e favorecer o seu desenvolvemento.
  • Romper o perfil do chan sobre todo en terreos cunha capa impermeable en profundidade (sola de arado en terreos agrarios).
  • Cortar o tepe da maleza para facilitar a implantación vexetal.
  • Mellorar a drenaxe e evitar o asolagamento en moitos terreos.
  • Facilitar os labores posteriores de plantación.
  • Mellorar a estabilidade das plantas e a súa resistencia ao vento.
Viveiros Refoxos

Na táboa seguinte, resúmense os distintos sistemas de preparación do chan segundo os condicionantes:

TIPO TERRENO CONDICIÓNS LABOR APEIRO INDICACIÓNS
Agrícola Pendente < 20 %
Pedregosidade nula
Labra plena con desfonde
Labra lixeira a feito
Arado de vertedeira ou discos.
Grada de discos ou xirocultor.
Produción de madeira en terreos de calidade.
Produción de froito.
Desbroce simultáneo cando o mato é raro.
Subsolado cruzado > 80 cm. Subsolador ou Ripper
Aburatado mecanizado ou manual Retroescavadora
Sacho ou legón.
Barrena helicoidal.
Buratos de 40 x 40 x 40 cm.
Pequenas plantacións particulares.
Forestal Pendente 0-45 %
Pedregosidade media
Subsolado liñal por máxima pendente. Subsolador ou Ripper. Erguer a rella 2 m. a cada 20 m. para evitar escorrementos.
Pendentes > 45 %
Pedregosidade alta
Aburatado mecanizado ou manual. Retroaraña con cazo estreito.
Sacho.
Buratos de 40 x 40 x 40 cm. feitos con 1-2 meses de antelación.
Pequenas plantacións particulares.

Á diferenza das técnicas agrícolas, no traballo de plantación forestal, a preparación do terreo debe ser preferentemente localizada por puntos ou liñas e o máis profunda posible. Por iso, en terreos mecanizables optarase sempre que se poida polo método de subsolado polas grandes vantaxes que reúne. Este sistema, poderá ser acompañado opcionalmente e en determinado tipo de terreos por labra previa. En terreos chairos e en plantacións de froito ou a baixa densidade o subsolado será cruzado conformando mallas de plantación a marco real.

Subsolado lineal

En repoboacións particulares de pequena extensión, o habitual é realizar un burato de 40 cm. de lado, ben perfilado, e o máis profundo posible sobre os puntos previamente marcados.

En repoboacións máis extensas e chairas, cando se fixo un subsolado cruzado, os puntos de plantación quedan claramente marcados e basta con perfilar o burato nas interseccións da malla.

O subsolado lineal

O subsolado é o método de preparación do terreo mecanizable, profundo e lineal máis recomendable na maior parte dos terreos aptos para plantar castiñeiro (pouco pendentes e profundos).

O efecto do subsolado depende do tipo de chan e da forma da reixa do subsolador.

En chans menos profundos e lixeiramente pedregosos, o subsolado rompe o terreo grazas ás pedras que levanta. Mentres que en terreos profundos e sen pedra, a rella do subsolador abre simplemente un suco sen remoción algunha na superficie pero cunha forte acción no fondo que depende do tipo de cuña que se monte. Neste tipo de terreos, pódese mellorar o efecto do subsolaxe colocando unha punta en forma de frecha que levante e remova ben o chan e facilite a penetración vertical da raíz.

Recomendacións para o subsolado en plantacións

  • Usar un só Ripper ou subsolador cunha soa reixa central.
  • Empregar reixas anchas e con punta de frecha para traballar chans fondos e pouco pedregosos. Así se consegue un mellor abrandado.
  • Separar os sucos 3,5 m. ou 4 m. para facilitar a mecanización posterior dos coidados silvícolas posteriores.
  • Subsolar costa abaixo. Nunca subsolar en curva de nivel para evitar mortes por encharcamento e por fungos como a Armillaria.
  • Facer un dobre pase co subsolador e en sentido contrario ao primeiro. Isto favorece a mellor rotura do perfil e multiplica a produción.
  • Interromper o suco subsolado en montes pendentes. Alternar dous metros sen traballar a cada vinte metros para evitar escorrentas e erosión.
  • Se é posible, utilizar subsoladores con mecanismos hidráulicos que aproveitan mellor e profundan máis que os que traballan só polo seu peso.
  • As liñas subsoladas deben conservar o paralelismo para non dificultar os labores posteriores.
  • Débese subsolar en tempo seco e coa antelación suficiente á plantación.
  • Sempre que sexa posible, débese acompañar a labra cun subsolaxe lineal ou cruzado.

4.5.- A planta de calidade

A calidade da planta é o conxunto de características fisiolóxicas e morfolóxicas que permiten a súa utilización con éxito.

Unha planta de calidade, ben cultivada, e que reúna boas condicións xenéticas e de forma, resistirá moito mellor o trauma da plantación.

As características xenéticas e fisiolóxicas (crecemento e resistencia a enfermidades, p.ex.), garántense pola procedencia e orixe selecta dos clons de castiñeiro e pola súa aptitude ou destino (madeira, froito ou mixto).

As características morfolóxicas dunha planta dependen máis das condicións de produción no viveiro que da súa orixe. As máis importantes son a robustez e o grosor do talo no punto de inserción coa raíz e a forma desta.

O emprego de plantas de calidade como as producidas por Viveiros Refoxos, asegura a supervivencia da plantación, aumenta a produción e permite plantar a baixa densidade, reducindo os custos silvícolas e de repoboación.

Planta de calidade de castiñeiro

Calidades morfolóxicas dunha boa planta de castiñeiro híbrido a raíz núa:

  • Lonxitude de talo de a lo menos 50 cm. e preferiblemente maior a 1,5 m. (se é planta reforzada en viveiro logo do seu recepado).
  • Grosor do pescozo da raíz de 2-3 cm.
  • Sistema radical compacto, abundante, fibroso e ben ramificado.
  • Sen feridas sobre todo na base do talo e na raíz.
  • Dereita, sen dobre guía e coa xema terminal sa.
  • Fresca, con abundante reserva de auga e coas raíces húmidas, aínda que sen moita cantidade de terra.
  • Sen signos de fungos ou cloroses.
  • En parada vexetativa (sen folla).

No caso do castiñeiro híbrido -noutras especies pode ser diferente- as mellores condicións de calidade morfolóxica conséguense con plantas a raíz núa e repicada dunha ou dúas sabias preferentemente.

A planta pequena ten menos garantías de éxito e, se non está repicada, presenta raíces demasiado longas e pouco ramificadas, co risco de tumbamentos e derribes.

O repicado de raíces

O repicado é a operación consistente en cortar as raíces vertical e horizontalmente para producir un sistema de raíces fibroso e compacto, e un talo leñoso e duro. O fin último é a súa mellor adaptación no monte.

A preparación da planta componse de dúas operacións:

  • O repicado horizontal de raíces, para cortar a raíz vertical, que consiste en cortar as raíces centrais das plantas a unha profundidade de 12 ou 15 cm., cunha laia ou coitela afiada.
  • O repicado lateral ou vertical para controlar o crecemento das raíces laterais.

4.6.- A plantación e o manexo da planta

A implantación vexetal é a fase da repoboación na que se trasladan e plantan no monte as plantas producidas en viveiro para que medren, se desenvolvan e formen no futuro un souto de castiñeiro en espesura, estable e produtivo.

O seu fin inmediato é conseguir:

  • O bo arraigamento da planta e a máxima supervivencia.
  • Favorecer o seu crecemento rápido e a uniformidade da masa.
  • Superar no menor tempo posible a competencia da maleza.

Para lograr estes obxectivos, é preciso:

  • Facer a plantación no momento oportuno.
  • Empregar planta de calidade.
  • Manexar adecuadamente a planta entre o viveiro e o monte.
  • Usar as ferramentas idóneas.
  • Plantar adecuadamente coidando de que as raíces non se dobren.

Época de plantación

O momento ideal para plantar castiñeiro a raíz núa é cando as plantas están en parada vexetativa (cando estean desprovistos os plantóns de folla e non teñan síntomas de brotación).

Por outra banda, o momento oportuno de plantación depende do tempo climático. As plantas que máis sofren por mor dunha plantación incorrecta ou por condicións climáticas desfavorables son as que se plantan no inverno, demasiado cedo, ou preto da primavera, demasiado tarde. Polo tanto, débense evitar os meses extremos como outubro e marzo (ou abril segundo as zonas) e evitar sempre que as plantas estean en sabia.

Así, a mellor época para plantar castiñeiro híbrido a raíz núa son os meses de xaneiro, febreiro e a primeira quincena de marzo.

Dentro desta época, os mellores días para plantar son os nubrados e con choiva fina. Débense evitar os días secos de inverno e con moito vento.

Ademais, o chan deberá ter tempero, non estando nin moi seco nin moi pesado.

Plantación manual de castiñeiro

O manexo e transporte da planta

Consideramos que o manexo da planta desde o viveiro ata a súa implantación no monte inflúe de xeito decisivo no mantemento das condicións de calidade da planta. O fin dun manexo adecuado da planta é que non morra no traxecto e que chegue ao monte en perfectas condicións para que “arraigue” e que ademais medren con forza. Non serve de nada ter un bo sitio e ben preparado para plantar castiñeiro híbrido de calidade si se manexa a planta incorrectamente.

Os problemas máis importantes que se presentan no manexo son:

  • O secado das raíces pola exposición ao aire.
  • O esmagado das plantas no transporte.
  • O estragado ou morte das plantas no monte si se atrasa a plantación ou non se aviveran adecuadamente.
  • A perda das micorrizas por un tratamento inadecuado.
  • A fermentación que pode producirse si se transporta en envases non adecuados ou si se gardan en sitios pouco idóneos.

Viveiros Refoxos produce planta de gran calidade mediante reprodución vexetativa (acodo baixo) polo que se presenta en plantóns repicados e a raíz núa sen un cepellón que cubra a súa raíz. A maior calidade deste tipo de planta precisa tamén de maiores coidados.

Para facilitar un manexo seguro, Viveiros Refoxos arrinca e empaqueta directamente as plantas para o seu transplante directo ao monte. No viveiro, se “descalzan” as plantas para que se “solten” sen sufrir danos no arranque. Os plantóns se “arrincan” con mimo e sacódense con coidado para soltar a terra das raíces. Se entresacan e escollen as plantas de maior calidade e se “repican” vertical e lateralmente.

Aínda que a planta que cultiva Viveiros Refoxos presenta as dimensións e o tratamento adecuado para a súa implantación no monte, o silvicultor debe coidar o seu manexo no transporte e no tallo.

Recomendacións de manexo e transporte

  • Transportar a planta protexida do sol e da calor para evitar secas, fermentacións e roturas.
  • Manter a embalaxe ata a chegada ao monte.
  • Protexer as raíces do aire e a luz mantendo os sistemas radicais húmidos.
  • Protexer a planta da calor e do sol para evitar secas e fermentacións.
  • Repicar a planta no monte antes da súa colocación no burato con tesoira de poda para eliminar posibles raíces excesivamente longas.
  • Depositar a planta no monte nun lugar fresco protexido da calor e da luz.
  • Encabanar ou aviverar a planta no monte adecuadamente.

Cando non dá tempo a plantar no día os plantóns de castiñeiro ou as condicións de plantación non son as idóneas (xeadas ou seca), débense aviverar as plantas realizando unha gabia en sitio húmido e protexido e cubrindo a raíces con terra suficiente e compactada, ata que volvan as condicións de plantación.

Distribución da planta. Marcado das liñas

A distribución da planta sobre un terreo chairo farase normalmente en cadrados ou rectángulos, cruzándose en ambos os casos as filas perpendicularmente.

En terreos en pendente, os puntos de plantación disporanse en curvas de nivel ou en liñas de máxima pendente, sendo preferible esta última disposición, pois permitirá realizar as rozas posteriores no mesmo sentido. Gardarase unha distancia entre filas ou liñas de plantas e outra entre plantas dentro da mesma liña, sendo o marco de plantación ao tresbolillo (en triángulos equiláteros) ou en malla rectangular desfasada (triángulos isósceles).

O repranteo consiste en marcar sobre o terreo os puntos onde se fará a plantación. En preparacións puntuais do terreo como aburatados ou aburatados tras labra, primeiramente débese sacar a aliñación da plantación na parcela, o que se pode conseguir empregando cordas duns 50 metros; posteriormente, cunha vara da distancia requirida entre filas ou cunha cinta métrica vanse marcando con estacas os puntos onde se deberá facer o burato. Posteriormente faranse dous perpendiculares algo separadas á primeira liña de plantación para sobre ela logo marcar á distancia requirida as aliñacións das outras filas. Isto pode conseguirse facilmente repranteando un triángulo rectángulo con cinta métrica de 3, 4 e 5 metros ou en parcelas maiores 6, 8 e 10 metros. A distancia dentro da mesma fila conséguese igual que na primeira liña empregando vara ou cinta métrica ou tamén podería usarse unha corda na que se fan sinais segundo o espazamento elixido.

O marco de plantación é o espazamento ou separación das plantas no terreo.

Hai varios marcos de plantación:

  • Marco real.
  • Marco triangular ou ao tresbolillo.
  • Marco real con desfasamento ou plantación aliñada.
Marco real

Marco de 4 m. real a baixa densidade

Marco triangular o al tresbolillo

Marco ao tresbolillo con espazamento de 4 m

Marco real con desfase o plantación alineada

Marco real con desfase

Precaucións básica para plantar

Moitas repoboacións ben deseñadas, co terreo ben preparado, onde se emprega planta de calidade e se controla eficazmente a herba poden fracasar, ata plantando na época adecuada, se o traballo de plantación non se fai como é debido.

Para evitar sorpresas desagradables, convén non esquecer unhas regras básicas de plantación:

  • A terra debe quedar apertada e pegada ás raíces, xa que calquera bolsa de aire pode favorecer a seca da raíz ou dificultar o arraigamento.
  • Non deixar pedras ou terróns no buraco, xa que obstaculizan o normal desenvolvemento das raíces.
  • A profundidade de plantación debe ser adecuada, de modo que o pescozo da raíz debe quedar enterrado a 5 cm., en previsión de asentamentos. O fin é protexer os seus tecidos de danos ou desecamentos por sol, xeadas ou vento.
  • O talo deberá quedar ben ergueito. O uso da laia, a diferenza doutras ferramentas, garante a plantación ben vertical.
    As raíces nunca deberán quedar dobradas ou retortas. Para evitar este defecto haberá que dar un pequeno tirón desde o pescozo da raíz antes do pisado definitivo.
  • As plantas deben quedar ben suxeitas. Se logo de colocada a planta damos un tirón suave e sae con facilidade, quere dicir que non plantamos ben.

A importancia do tirón

A técnica de endereitar as raíces tirando da planta cara arriba realízase antes do pisado definitivo.

Como as raíces secundarias non están suxeitas pola terra, se o tirón é pouco significativo, o efecto pode ser nulo ou ineficaz.

As raíces dunha planta de calidade ben podada teñen aproximadamente 15 cm. de lonxitude. Polo tanto, para que o tirón cara arriba sexa efectivo e as raíces queden dereitas, o tirón debe ser de polo menos esa lonxitude.

4.7.- A fertilización

Vantaxes da fertilización:

Unha fertilización adecuada do castiñeiro híbrido ten moitas vantaxes:

  • Asegura o arraigamento da planta e reduce os fallos da plantación.
  • Facilita o “arranque inicial”.
  • Aumenta a resistencia ante enfermidades bióticas e abióticas.
  • Adianta a quenda de corta.
  • Reduce o tempo en que a planta nova está sometida á competencia do a maleza.

Favorece un incremento de produción polo que está xustificado economicamente.

Tipos de abonos e doses recomendados

Os fertilizantes que proporciona un mellor “arranque” en especies de crecemento medio-rápido como o castiñeiro híbrido son os agrícolas solubles caracterizados por unha rápida liberación dos nutrientes. Son abonos minerais ou químicos compostos que levan dous ou tres elementos primarios. Os máis empregados son os abonos ternarios de tipo NPK. O seu único inconveniente son as perdas que se producen por lavado ou drenaxe. As plantas aproveitan o 50 ou 60 % do abono nitroxenado, o 20 ou 30 % do fosfórico e entre o 40 e o 70 % do potásico. A súa vantaxe máis importante é o prezo e a facilidade de asimilación.

Tamén hai outros tipos de abono con distintos sistemas de absorción e outras doses que poden resultar adecuados.

COMPOSICIÓN DOSE TIPO REOMENDACION
11/22/9+6MgO 50 gr. Encapsulado Liberación gradual (9 meses) Madeira
8/24/16 100 gr. Agrícola fácilmente soluble Madeira
O/14/7 200 gr. Madeira/Froito
0/14/14+10CaO 2-3 pastillas de 48-50 gr. Pastillas compactadas liberación lenta (1-3 anos) Madeira

Época de abonado

O mellor momento para abonar é a primavera pois é nesta época cando se reúnen as condicións de humidade e calor necesarias para a disolución e aproveitamento do fertilizante. No verán provócanse queimaduras á raíz e no outono-inverno a planta atópase en paro vexetativo e non aproveita os nutrientes que se perden por lavado.

Forma de abonar

O abonado do castiñeiro híbrido realízase manualmente, de forma localizada e por puntos de plantación.

A aplicación de fertilizante no burato de plantación farase mesturándoo coa terra e debe quedar no fondo do burato (preparación por aburatado) ou da cata aberta (preparación por labra ou subsolado).

Consellos para o abonado do castiñeiro híbrido

A enorme variedade de chans impide dar fórmulas xerais de abonado. De todos os xeitos, a experiencia recomenda os seguintes consellos xerais:

1. Facer o abonado no primeiro ano de plantación, simultaneamente a esta operación ou na primavera. Abonar despois do primeiro ano é tirar o diñeiro. É necesario un achegue inicial para corrixir carencias e elevar o nivel de fertilidade que o castiñeiro esixe.

2. Abonar sempre, xa que se prevén a aparición de deficiencias, facilítase o arraigamento e estimúlase o crecemento vencendo antes a competencia da maleza.

3. Utilizar preferentemente abono facilmente soluble, composto e ternario. Os máis recomendables son os agrícolas do tipo 8:24:16, rico en P e K, que son os nutrientes máis deficitarios.

4. Rexeitar os abonos con alto contido de nitróxeno. Os nitratos favorecen os ataques de insectos e enfermidades e favorecen a derriba.

5. Acompañar o abono con caliza maxnesica ou dolomita en sos moi acedos. A emenda calcaria pon a disposición da planta elementos minerais que xa hai o chan pero en forma non asimilable.

6. Extremar a precaución cando se aplica o abono facilmente soluble, procurando enterralo polo menos 5 cm. pero sen tocar as raíces do castiñeiro. Así se evitan perdas por volatilización e favorécese menos o aproveitamento polas malas herbas.

7. Tratar a herba con herbicida sempre que se abone, e sobre todo cando se fai superficialmente.

8. A dose máxima de abonado é de 100 gr./planta, e como moito 200 gr. Está comprobado que botar máis cantidade non supón un aproveitamento pola planta (Lei do mínimo).

4.8.- Coidados silvícolas posteriores: o recepado, a talla e poda

O recepado

O recepado é o labor de corte ou recepe da planta pola súa base a uns 4-5 cm. por enriba do nivel do chan e que ten como obxectivo conseguir un rebrote posterior con mellor forma que a planta orixinal.

Normalmente, aplicábase só a plantas mal conformadas ou danadas por xeada ou animais, onde se estima que a mala forma non podería ser corrixida coas tallas posteriores.

Pero, en moitas ocasións, recoméndase o recepado sistemático de todas as plantas de castiñeiro con resultados excelentes en plantacións pouco exitosas e con plantas moi ramificadas.

A operación debe realizarse durante o paro vexetativo e nos catro primeiros anos da plantación.

Se a planta ten un sistema radical desenvolvido, producirase un rebrote vigoroso, que esixirá que no verán ou, como moi tarde antes do comezo da primavera seguinte, se faga unha selección de gromos deixando o máis adecuado por cada cepa de planta cortada.

A talla de formación e poda

Son dous tipos de coidados ou tratamentos culturais moi importantes na silvicultura do castiñeiro orientada á obtención de madeira de calidade.

Aplícanse case sempre nas plantacións que teñen o obxectivo de produción de madeira, sendo operacións máis infrecuentes nos montes baixos de castiñeiro.

A talla de formación é unha operación selectiva na copa da planta e busca formar un fuste continuo, dereito e vertical. Consiste en suprimir pinzas, dobres ou triplos guías, ramas moi verticais que poden chegar a competir coa guía terminal ou ramas con tendencia a engordar demasiado. Non se trata polo tanto de suprimir sistematicamente as ramas baixas do tronco.

As tallas comezan desde que existe unha suficiente dominancia apical (4º ó 5º ano), e continuaranse ata que as plantas adquiran unha altura de 6-8 m. cun tronco libre das anomalías antes citadas, actuando repetidamente cada 2 ó 3 anos. É inútil actuar antes dos 4-5 anos xa que esta especie emite un elevado número de brotes; con todo, a partir desta idade, canto antes se fagan as tallas máis económica e efectiva resultará a operación.

A época máis adecuada é o verán (desde mediados de Xullo) e a ferramenta idónea a tesoira montada sobre pértega telescópica e accionada por corda.

Hai que ter en conta en todo momento que as tallas son operacións custosas polo que non debe pretenderse tallar de forma pormenorizada todas as árbores da plantación, senón máis ben aqueles de mellor calidade (será suficiente obter finalmente 400 pés/ha con boa conformación). É inútil actuar sobre árbores con moi mala forma.

En ocasións pódese tallar de forma sistemática, recortando ou despuntando unicamente as ramas para evitar que se desenvolvan excesivamente, deixando varias xemas para que continúen alimentando á árbore. Esta operación é absolutamente necesaria nas plantacións de baixa densidade (500-625 pés/ha) para obter árbores que proporcionen madeira de calidade.

A poda é a supresión sistemática de ramas cuxo obxectivo é obter no tronco principal unha altura de 6 a 8 metros libre de nós. Alturas de poda superiores son frecuentemente antieconómicas.

As intensidades de poda máximas oscilan ente 1/3 e 1/2 da altura total da árbore, xa que si se supera este límite pódese chegar a minguar o crecemento e prodúcese un desequilibrio entre a parte aérea e radical que o castiñeiro trata de restablecer emitindo numerosos brotes chupóns.

Desde o punto de vista silvícola, a poda debe ser unha operación progresiva e de pouca intensidade, polo que se actuará cedo aínda que mantendo os límites da intensidade de poda antes comentados. Con todo, desde un punto de vista económico e co fin de abaratar custos (sobre todo en plantacións extensas) recoméndase comezar as operacións cando os castiñeiros alcanzan unha altura de 8 m, momento en que poden podarse ata os 2 ó 3 metros.

A partir dese momento é conveniente actuar de forma progresiva e frecuente, por exemplo, efectuando unha poda cada 2 anos, alcanzando unha altura total de poda de polo menos 6 metros.

Nunca se debe podar máis da metade da árbore xa que se produce un desequilibrio con respecto ao sistema radical ao cal responde a árbore coa emisión de numerosos brotes chupóns que deprecian enormemente a madeira.

Esta operación é sempre necesaria no castiñeiro par obter madeira de calidade, aínda que se a plantación se fixo a gran densidade ou o método de beneficio é o monte baixo, prodúcese unha intensa poda natural, que diminúe notablemente o número e tamaño das ramas a podar. De todos os xeitos basta con podar un total de 300-400 pés/ha.

En zonas moi afectadas polo cancro (Endothia parasítica) é preferible plantar a elevada densidade e manter a masa densa ata a primeira clara, cos que se minimiza a realización de podas e tallas de formación que son vías de entrada da enfermidade.

En todo caso, cando se realicen deben tomarse as seguintes precaucións:

  • Non podar pés afectados.
  • Intervir no verán en período seco e sen vento.
  • Desinfectar os útiles de poda.
  • Protexer as cicatrices de poda con algún produto funxicida.

É moi importante realizar un corte correcto, que será limpo e próximo ao tronco, sen deixar muñóns que posteriormente serían englobados e darían nós mortos que depreciarían enormemente a madeira. Pero se respectará o tecido de inserción para non facer unha sección de corte excesivamente grande e facilitar a cicatrización.

A mellor época adoita ser xusto antes do comezo da actividade vexetativa, a principios de primavera, xa que a cicatrización é máis rápida.

Para podar é aconsellable o emprego de tesoiras manuais de mango longo, con sistema de corte tipo deslizante tradicional ou tipo cizalla. As tesoiras con sistema de desmultiplicación e mangos de 70 cm. permiten cortar ramas de ata 4,5 cm., con excelente calidade de execución.

Pousa, Refoxos • Cortegada • Ourense 32211 • info@viveirosrefoxos.com • 649926559 • 661372851